Saturday 20 de April de 2024

O Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música chega ao Conservatorio Profesional da Coruña, co violoncellista Gregorio Keilin como artista convidado


A agrupación interpreta este venres 17 (19.00 horas) un concerto formativo ante o alumnado do Conservatorio, actuación que tamén estará aberta ao público xeral ata completar a capacidade do auditorio

A BMMC volverá ao Teatro Colón o vindeiro xoves 23 de marzo, abrindo a tempada de primavera con Juan Lois Diéguez como director convidado

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) chega este venres ao final da súa programación do Ciclo de Inverno, tras un intenso calendario de concertos que, desde mediados de xaneiro, levou a agrupación ao Teatro Colón, ao Centro Sociocultural Ágora e á rede de centros cívicos municipais.

Neste sentido, e por primeira vez este ano, a agrupación actuará no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, co obxectivo de achegarse ás novas xeracións de músicas e músicos coruñeses e difundir o labor da banda entre a cidadanía, unha das premisas marcadas polo Goberno de Inés Rey nesta nova tempada da BMMC.

Desta forma, a Banda Municipal actuará este venres 17 (19.00 horas) ante o alumnado do Conservatorio Profesional nun concerto de carácter formativo, que tamén estará aberto á asistencia do público xeral ata completar a capacidade do auditorio do Conservatorio.

O concerto comezará cunha obertura de Jan Van der Roost, seguida por unha composición para banda e cello, ‘Casanova’, do compositor Johan de Meij, na que o protagonista será o violoncellista Gregorio Keilin, gañador do concurso de interpretación do Conservatorio Profesional no ano 2019. Desta forma, a BMMC e Keilin, baixo a batuta do director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, actuarán xuntos nun concerto adiado no seu momento ante a imposibilidade da súa execución pola pandemia da covid-19.

Con Keilin ao violoncello, a Banda percorrerá a historia e peripecias persoais de Giacomo Casanova, unha figura histórica da Italia do século XVIII. Historiador, bibliotecario e ata axente secreto, Casanova tamén tocaba o cello.
A segunda parte do concerto abrirase con ‘Passacaglia’, unha composición obra do valenciano Ramón Ramos Villanueva, que se remonta ao ano 1991 e está encadrada no dodecafonismo, un estilo diferente que se sae dos programas habituais. Pechará o programa do venres unha obra orixinal para banda do austríaco Arnold Schönberg, un dos grandes compositores da historia sinfónica musical.

O Ciclo de Primavera abrirase o xoves 23 no Teatro Colón

Tras o concerto desta semana, comezará a conta atrás para o inicio da tempada de primavera da Banda Municipal de Música da Coruña, que regresa ao Teatro Colón o vindeiro xoves 23 de marzo (20.00 horas). Con Juan Lois Diéguez como director convidado, a agrupación interpretará o concerto ‘Música e natureza’.